8.25.2010

MAISDE CEN PEREGRINOS DE GRANADA INICIARON O CAMIÑO INGLÉS

0
Máis de cen peregrinos de Granada iniciaron o Camiño Inglés dende Ferrol.


• O alcalde deulles a benvida á cidade e entregoulles un libro e un DVD cun documental sobre a historia da urbe
• Todos eles emularon aos antigos peregrinos do Norte de Europa e chegaron á cidade de Ferrol en barco



O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, recibiu a unha expedición formada por 105 peregrinos chegados de Granada para realizar, dende a cidade, o Camiño Inglés. O acto tivo lugar ás 13,30 horas e tivo como sede o Salón de Recepcións do pazo municipal. Os 105 peregrinos partiron da provincia andaluza o domingo, ás cinco da mañá, coa idea de chegar a Ferrol hoxe a primeira hora e emular aos antigos peregrinos do Norte de Europa, que entraban por mar na cidade de Ferrol. Así o fixeron, tras un paseo en barco pola Ría, que precedeu a súa visita ao pazo municipal. O alcalde saudou á expedición e deulles a benvida, ao tempo que lles agradeceu a súa presenza na cidade. Exaltou o Camiño Inglés, con punto de partida en Ferrol, e deu conta da riqueza patrimonial, natural e histórica da cidade. Riqueza que o alcalde asegurou se convertirá en Patrimonio da Humanidade. Unha candidatura que, segundo explicou, se sustenta en tres pilares fundamentais como son o barrio histórico da Magdalena, o Arsenal Militar e os Castelos de San Felipe e A Palma. Esa é, engadiu Vicente Irisarri, a riqueza que Ferrol quere mostrar ao mundo e que os peregrinos de Granada poderán apreciar hoxe.

No acto desta mañá e como recordo da xornada, o alcalde entregou aos peregrinos seis libros de A nosa pintura e seis DVD coa historia de Ferrol. Un por cada unha das parroquias que conforman a Alpujarra, terra de procedencia dos peregrinos. Pola súa banda, a expedición entregou ao alcalde un prato de cerámica representativo da zona.

A expedición de 105 peregrinos contou co técnico David Monteagudo como guía, co que visitarán os principais puntos de interese na cidade. Esta visita ten un carácter cultural-relixioso e, para preto da metade dos peregrinos, supón o segundo contacto con Ferrol, xa que o ano pasado chegaban á cidade para realizar o mesmo Camiño Inglés. A experiencia foi gratificante e, esta vez, regresaban aínda que acompañados doutros compañeiros. Todos eles proceden de diferentes parroquias da Alpujarra granadina e, nalgúns casos, existen estreitos vínculos coa terra galega, xa que moitos cidadáns galegos emigraron no seu día para esta zona andaluza.

O Camiño Inglés é unha das rutas xacobeas por excelencia. Foi usado basicamente polos peregrinos nórdicos. A lonxanía e illamento dos peregrinos británicos, escandinavos e bretóns, lévaos a empregar as rutas marítimas como forma máis sinxela, segura e rápida de realizar a peregrinación a Santiago. Con punto de partida en Ferrol, discurre polos concellos de Narón, Neda, Fene, Cabanas, Pontedeume, Miño, Paderne, Betanzos, Abegondo, Bruma, Mesía, Ordes, Oroso e Santiago.

No Response to "MAISDE CEN PEREGRINOS DE GRANADA INICIARON O CAMIÑO INGLÉS"

Publicar un comentario