Os ferroláns xa poden seguir en directo dende a pantalla xigante instalada na Praza de Amboaxe o Ferrolterra Doniños-Pantín Classic
• O Concello xestionou a instalación da pantalla xigante na cidade, con custe cero para as arcas municipais
• As retransmisións comezan hoxe e manteránse ata o próximo domingo, todos os días de 9 a 19 horas
Os ferroláns xa poden seguir dende hoxe a retransmisión en directo do Ferrolterra Doniños-Pantín Classic dende a propia cidade. Máis concretamente, dende a Praza de Amboaxe. O concelleiro e presidente do Patronato Municipal de Deportes, Manuel Santiago, apuntou que as emisións son posibles grazas a un pantalla xigante cuxa instalación xestionou o Concello, aínda que con custe cero para as arcas municipais grazas á colaboración económica de Caixanova.
Así, veciños e visitantes que o desexen poden seguir en tempo real a competición dende este emblemático espazo público da cidade grazas a unha pantalla xigante de tecnoloxía LED e transportable de 3,82 metros por 2,60 metros de alto sobre unha plataforma móbil de 3,10 metros. A mesma pantalla que retransmitiu a participación do triatleta local Javier Gómez Noya nos Xogos Olímpicos. Estará ubicada dende hoxe e ata o 29 de agosto, e con emisións coincidentes coas probas. ¿Horarios? De 9 a 19 horas, todos os días. Neste senso, Manuel Santiago apuntou que aínda que en Ferrol será unha novidade, noutros países como Australia ou Portugal a instalación de pantallas é unha práctica que vai parella á propia celebración da proba.
Pero, ¿que ofrecerá este ano o Ferrolterra Doniños-Pantín Classic? Dous aspectos fundamentais. Dunha banda, o regreso das mulleres e a presenza da élite feminina na competición e, doutra banda, a consecución da sexta estrela. Son dous fitos que marcan a competición. Precisamente, co salto cualitativo que se establece coa sexta estrela a organización internacional esixe que, nesa categoría, haiba unha segunda praia alternativa que, neste caso, é Doniños. O obxetivo tamén é trasladar o campeonato un día ao areal de Ferrol, que ben podería ser mércores ou xoves.
¿Exemplo da calidade do campeonato? Os seus participantes. Entre outros, algúns dos surfistas máis relevantes do panorama internacional como Stuart Kennedy, Heitor Alves, Julian Wilson ou o galego Gony Zubizarreta. Por último, o concelleiro de Deportes animou á cidadanía a participar nesta cita que, ano tras ano, convirte a Ferrolterra en capital do surf. Dende a praia ou ben dende a praza de Amboaxe.
No Response to "FERROLTERRA DONIÑOS-PANTÍN CLASSIC"
Publicar un comentario