O Patronato de Deportes patrocina este sábado a XIII Marcha Ciclista a Ferrolterra
• O edil Manuel Santiago anima á cidadanía a participar nesta cita que partirá do pavillón da Malata ás tres da tarde
• O presidente do Clube Ciclista, Juan Martínez, avanza que os 120 quilómetros de ruta son de dificultade media-alta
Ferrol, 25 de agosto de 2010.-
O concelleiro de Deportes, Manuel Santiago, acompañado do presidente do Club Ciclista Ferrol, Juan Martínez, presentaba esta mañá no Salón de Recepcións do Concello de Ferrol a XIII Marcha Ciclista a Ferrolterra. Unha proba que patrocina o Patronato de Deportes e que se desenvolverá na xornada do sábado 28 de agosto con saída do pavillón polideportivo da Malata ás 15 horas.
Así as cousas, Manuel Santiago animaba á cidadanía a participar nesta cita na que poden participar tódolos deportistas maiores de 15 anos. O edil subliñaba a dureza do percorrido e tamén a beleza dunha proba que discurre pola maior parte dos teritorios da comarca de Ferrolterra e tamén de Ortigueira. Un atractivo máis, engadiu o concelleiro, para subirse á bicicleta esta fin de semana e coñecer esta parte do territorio dende outra perspectiva.
Pola súa banda, o presidente da entidade promotora, Juan Martínez Rey, explicou que se trata dunha marcha esixente, de dificultade media-alta e dirixida principalmente a ciclistas federados. Nembargantes, apuntou que é aberta polo que aqueles aficionados á bicicleta que non estean federados e teñan unha boa forma física poden apuntarse.
A organización solicitará unha licenza á federación para poder disputar a proba. O único requisto ademáis de cumprimentar a folla de inscrición e aboar o seu importe (13 euros para os federados e 21 euros para os non federados) é acudir provisto de casco e bici. Respeto do recorrido, Martínez avanzou que logo de saír da Malata, o pelotón tocará nove concellos (amáis de Ferrol, Narón, Valdoviño, San Sadurniño, Moeche, Cerdido, Cariño, Ortigueira e Cedeira). En total, 120 kilómetros, tras os que os participantes regresarán ao punto de arranque. Polo camiño, haberá un avituallamento: no Mirador Alto dos Carrís. Asemade, a organización disporá dun vehículo de apertura da marcha, un coche de asistencia e unha ambulancia.
Así as cousas, Martínez Rey prevé que se cubran as 75 prazas previstas pola organización, con corredores tanto de toda a Comunidade Galega coma de fóra dela. Ao remate, previsto para as 20.30 horas, se entregarán recordos a todos os participantes, así como agasallos ao ciclista máis novo, ao máis veterano, ao clube máis numeroso, ao corredor máis sufridor, á desgracia, ou ao máis simpático, entre outros. Nesta liña, recordou que as inscricións poden realizarse enviando o boletín de inscrición ao apartado de correos 1044 -15406 de Ferrol; por Internet, a través da páxina www.clubciclistaferrol.es; no número de fax 981 327 662 e 981 448 439 ou en Ciclos Roca, firma colaboradora. Tamén o mesmo día da proba no lugar da saída.
No Response to "MARCHA CICLISTA A FERROLTERRA"
Publicar un comentario