8.25.2010

LOS SUAVES EN FERROL

0
As Festas de Verán de Ferrol traen mañá o mellor rock do panorama nacional da man de Los Suaves

• A banda ourensá liderada por Yosi Domínguez ofrecerá un concerto gratuíto a partir das 22 horas na Praza de España

• Os grupos locais Oddy Lane e Mayself actuarán como teloneiros da mítica banda galega a partires das 21 horas

• A Orquestra Jerusalén presenta esta noite na praza de Amboaxe os temas da súa última xira, “Caminando”


Ferrol, 25 de agosto de 2010.-

A mítica banda ourensá de rock Los Suaves será MAÑÁ, XOVES, a estrela do cartel das Festas de Ferrol. Así o anunciou esta mañá a concelleira de Festas, María López, quen invitou aos cidadáns e cidadás a asistir ao concerto que que a formación fundada a finais dos anos 70 polos irmáns Charly e Yosi Domínguez ofrecerá na Praza de España, ás 22.00 horas. Un concerto que, ao igual que o resto dos programados nestas festas de verán, será gratuíto. Por outra banda, lembrou que HOXE, ás 22.00 horas, a praza de Amboaxe acollerá a actuación musical da Orquestra Jerusalén, que presentará a súa nova xira: Caminando. Tamén está programado o espectáculo de maxia cómica Rei Midas, ás 20.00 horas na Praza de España.

Respecto ao concerto de Los Suaves, a edil lembrou a súa traxectoria, iniciada hai 30 anos. Durante este tempo a banda foi gañando popularidade ata convertirse nun indiscutible referente do rock feito en España. Con 18 discos gravados ata a data -dous deles en directo- e con máis dun millón de discos vendidos ao longo da súa carreira, Los Suaves están considerados como historia viva do rock. A súa primeira oportunidade tivérona no ano 1981, cando telonearon a Los Ramones en A Coruña, acadando un importante éxito que lles levou a asinar coa discográfica galega Edigal, coa que editaron os seus dous primeiros discos: “Esta vida me va a matar”, con cancións como “Peligrosa María” ou “Viene el tren” e “Frankenstein” (1984). A partir de aí pasaron épocas difíciles ata chegar ao terceiro disco que os lanzou ao éxito: “Ese día piensa en mí” (1988), co que a banda comenza a ser recoñecida a nivel nacional, feito que se plasmou no disco en directo “Suave es la noche” (1989). Desde entón, Los Suaves publicaron numerosos discos editándose o último o 26 de xaneiro de 2010, “Adiós, adiós”. Con este novo disco queren deixar claro que estas palabras son un berro de benvida e supoñen a confirmación do grupo como un dos que se atopan en mellor forma dentro do panorama do rock nacional. Entre os seus plans máis inmediatos figura a gravación, o vindeiro 18 de setembro en Ourense, dun DVD en directo que prevé titular “29 años, 9 meses y 1 día”.

Los Suaves foron premiados pola prensa especializada como a mellor banda en directo do país en numerosas ocasións. Entre os premios acadados, Mellor banda de heavy en directo no ano 2000 pola revista Heavy Rock, Mellor grupo en directo do século XX ou Referendo Heavy Rock 1999.

Pero a actuación desta banda de rock non será a única prevista para mañá, xoves, na Praza de España. Así, tal e como lembrou a concelleira María López, ás 20.00 horas haberá unha actuación musical gratuíta dos grupos locais Oddy Lane e Myself. O primeiro deles, Oddy Lane, naceu en Ferrol no ano 2008 e está integrado por Xisela (voces), Javi (baixo), Nacho (guitarra), Brais (guitarra) e Álex (batería). Con influencias de rock moderno e metal, a formación gravou a súa primeira maqueta en novembro de 2009 con cinco temas -nun deles, “I'm so alone”, colaborou Yvan, cantante dos grupos Idem e Myself-.

O segundo dos grupos, Myself, iniciou a súa andaina musical no ano 2001. Está integrado actualmente por seis músicos de Ferrol e Narón e ten gravado con Gonso Pedrido (Boikot, Killer Barbies, Machetazo, Dismal, Brainswash) o disco “Extended Play”, pendente de publicarse e á espera de atopar discográfica.

Finalmente, o programa deste xoves completarase co contacontos “Codia e Miolo”, que presentará na praza de Amboaxe Troula Animación. Será ás 20.00 horas.


O PROGRAMA:

Mércores, 25 de agosto 20 h. Praza de España
Maxia cómica
22 h. Praza de Amboaxe
Orquestra Jerusalén
Xoves, 26 de agosto 20 h. Praza de Amboaxe
Contacontos
20 h. Praza de España
Oddyline e My Self
22 h. Praza de España
Los Suaves
Venres, 27 de agosto 20 h. Praza da Constitución
Paiasos
21 h. Pasarrúas Calaveras
22 h. Praza de España
El Viejo Caracol
Sábado, 28 de agosto 20 h. Praza de Amboaxe
Monicreques
22 h. Praza de España
Coque Malla
Domingo, 29 de agosto 20 h. Praza de Armas
Clown-malabar
20,30 h. Praza de España
Festival de Rondallas
Luns, 30 de agosto 20 h. Praza de Amboaxe
Al Vila
21 h. Praza de Amboaxe
Santiago Castillo Club
Martes, 31 de agosto 21 h. Peirao de Ferrol
Efecto Mariposa
La Guardia
Lucía Pérez
M3
00,00 h. Fogos de artificio

No Response to "LOS SUAVES EN FERROL"

Publicar un comentario