A compañía de novo cabaré Ponten pie invita ao público ferrolán a comer ao restaurante Copacabana
• As representacións pechan o ciclo O Jofre fóra de si e terán lugar no teatro ferrolán venres e sábado ás 21 horas
• A edil Mercedes Carbajales invita á cidadanía a reservar a entrada, que é de balde, no Punto de Información Cultural
Ferrol, 25 de agosto de 2010.-
A compañía de novo cabaré Ponten Pie será a encargada de pechar este venres e sábado o programa O Jofre fóra de si, un ambicioso proxecto que incluiu propostas artísticas non convencionais de danza, música e teatro que convertiron a cidade nunha extensión do teatro ferrolán, en cuxas rúas e prazas buscaron ao público para facelo partícipe dos seus proxectos. Nesta ocasión o espectáculo que a cidadanía poderá ver leva por título “Copacabana” e representarase ás 21.00 horas na caixa escénica do Teatro Jofre este venres e sábado, 27 e 28 de agosto.
A este respecto, a edil Mercedes Carbajales explicou que, se ben a entrada ao espectáculo é gratuíta, é necesario facer a reserva no Punto de Información Cultural do Teatro (PIC) a través do número de teléfono 981 944 245. O seu horario de atención ao público é de martes a venres, de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas. Tamén os sábados, domingos e festivos de función.
Fundada no ano 2009 por Sergi Ots, Ponten Pie é unha compañía que naceu como plataforma para este artista catalán, para poder actuar baixo esta denominación e pór en marcha proxectos propios relacionados coas artes escénicas. Tamén co obxectivo de poder traballar nun espazo persoal autónomo no que crear diferentes equipos técnicos e artísticos segundo as necesidades de cada proxecto. Co que presentará esta semana en Ferrol, “Copacabana”, Sergi Ots inicia unha nova etapa como director. Nel fusiona dentro dun mesmo espazo a gastronomía, o cabaré e o teatro de obxectos. A escenografía de “Copacabana” instálase como un restaurante real onde os comensais e espectadores poderán probar os deliciosos pratos que serán preparados polos actores. Así, un dos interrogantes cos que xoga a posta en escea é se o espectador é recibido como un cliente dun restaurante ou como espectador dunha obra teatral. Detrás dos fogóns do Copacabana atoparanse tres cociñeiros descendentes dun chef do recoñecido circo Bimil que recentemente pechou as súas portas, polo que os tres gourmets, con poucos recursos económicos, deciden voltar a Europa para abrir un restaurante nun vello local ás aforas da cidade coa esperanza de facer fortuna.
A traxectoria profesional de Sergi Ots deu comenzo no Gran Teatro do Liceo como especialista en circo no ano 2000 e tras esta primeira toma de contacto co mundo do teatro profesional pasou traballar como actor con Xirriquiteula, La Companya del Foc, L'Avalot Teatre e Carro de Baco, entre outras. Entre os seus últimos traballos destaca a colaboración como actor con Els Comediants desde o ano 2004. Tamén a súa participación como clown con Cirque Du Soleil, con quen percorreu Xapón e Australia no ano 2008 co espectáculo Dralion.
No Response to "PONTEN PIE INVITA AO PÚBLICO FERROLÁN A COMER"
Publicar un comentario